ORGANIZACIÓN






ORGANIZACIÓN CONNOR 2017/2018


ADSCRICIÓN
Cada equipo ou franquicia participante deberá indicar antes do comezo da primeira xornada de liga se estará adscrito a esta CONFERENCIA NOROESTE na tempada 2017/2018. A adscrición supón poder optar ás prazas que dan dereito a representar á Conferencia no PLAY-OFF NACIONAL 2018 en todas as categorías polas que se clasifique.

As prazas determinaranse a mediados de tempada pero as outorgadas a esta Conferencia na pasada tempada foron:
- Categoría individual absoluta: 8
- Categoría individual feminina: 1
- Categoría infantil: sen límite
- Categoría equipos: 2
- Categoría varados: 3

DELEGADO OU DELEGADA DE EQUIPO
Cada equipo participante terá un delegado ou delegada que terá as funcións de:
- colaborar na inscrición e no sorteo;
- colaborar no marcado dos campos e na recollida final do material;
- colaborar no acto de entrega de trofeos;
- formar parte do comité de competición;

XUÍZ OU XUÍZA DE CAMPO E VARAL
Cada equipo terá designadas unhas persoas que poderán arbitrar, cando así sexa necesario. Haberá un xuíz ou xuíza de campo ou principal e un xuíz ou xuíza de varal. Sempre que sexa posíbel non pertencerán a un mesmo equipo e tampouco pertencerán ao mesmo equipo dos xogadores e xogadoras participantes nese momento. De estar todas xogando ao mesmo tempo permitirase que alguén realice ao mesmo tempo que xoga, as funcións de xuíz ou xuíza de varal e podendo designarse outro xogador ou xogadora de apoio para consultar dúbidas.
Xuíz ou Xuíza de campo: funcións
- Deberá de estar colocado xusto detrás do xogador ou xogadora que golpea a billarda para que a súa visión da traxectoria da billarda sexa correcta.
- Arbitrará as carreiras facendo cumprir o regulamento, así como resolver toda incidencia que suceda durante o desenvolvemento das carreiras. A súa decisión será a válida.
- Cubrirá as puntuacións nas actas.
Xuíz ou Xuíza de varal: funcións
- Situarase detrás da liña do varal para axudar ao xuíz ou xuíza de campo.
- Consultaráselle sempre que o xuíz ou xuíza de campo o precise para verificar a entrada da billarda no varal e para outras xogadas dubidosas.

INSCRICIÓN
A inscrición será individual. Cada participante inscribirase segundo orde de chegada ata a hora do sorteo.

SORTEO
O sorteo será 15 minutos despois da hora sinalada para o comezo da xornada. Será por un sistema de listaxe de números aleatorios asignando cada participante a un grupo diferente dos existentes. Para facilitar a participación permitirase que calquera participante poida anotarse despois do comezo do sorteo e será incluida ao final da listaxe de inscrición asignándose ao grupo que corresponda segundo a listaxe de
números aleatorios e no seu defecto ao grupo que corresponda segundo menor número de participantes no grupo. Se o aberto tivese comezado poderá anotarse e asignarase ao grupo que corresponda segundo menor número de participantes no grupo. De ter comezado a xogar o grupo ao que pertence terá que agardar a súa quenda á carreira seguinte que se dispute.

COMITÉ DE COMPETICIÓN
Estará constituido por todos os delegados ou as delegadas de equipo e terá como función resolver calquera circunstancia que estea fóra das competencias dos xuíces ou xuízas.

COMUNICACIÓN
As canles oficiais para a transmisión de información sobre a Conferencia e tamén sobre a Liga son:
Blogue: http://lnb-noroeste.blogspot.com.es/
Facebook: https://www.facebook.com/billarda.lnbnoroeste