REGULAMENTO CONNOR 2017/2018
- O deporte da billarda ten por obxectivo chegar a superar coa billarda a liña do varal no menor número de golpes e antes que a contrincante. Para isto os palanadores e as palanadoras (que é como se chama aos xogadores e ás xogadoras) sitúanse na zona de saque e desde alí golpean a billarda, que está no chan, nunha das súas puntas para que dea un chimpo. Despois, cando a billarda está no aire hai que desprazala con outro golpe. A orde de golpeo é consecutiva e por quendas. Cada vez que un xogador ou xogadora consegue superar a liña do varal coa billarda consegue realizar unha carreira.
- En cada quenda, o xogador ou xogadora só ten unha opción válida de golpe, é dicir, sempre que toque a billarda co palán, aínda que esta non brinque, considérase opción de tiro e a quenda pasa á seguinte. Unha vez a billarda está no aire pódeselle golpear tantas veces como a habilidade de seu o permita. Unha vez que a billarda xa toca o chan non pode ser golpeada para desprazala. Se isto ocorre deberá volver ao lugar anterior onde caera antes de ser desprazada.
- Cando un xogador ou xogadora desde a zona de saque introduce a billarda no varal dun só golpe, consegue un varado. Se no primeiro lanzamento non se consegue varado na seguinte quenda fará o seguinte golpe de desprazamento dende o lugar do terreo de xogo no que se detivo a billarda na quenda anterior.
- A orde de xogo queda establecida no sorteo inicial e non se pode alterar. Se o xogador ou xogadora é nomeadoa polo xuíz ou xuíza de campo alomenos tres veces, para que xogue na súa quenda, e non está presente perderá a opción de dar ese golpe. Se se reincorpora ao xogo farao perdendo de dar ese golpe e golpeando na quenda que lle corresponda segundo a orde establecida previamente.
- O xogador ou xogadora na súa quenda golpeará a billarda despois de ser nomeado polo xuíz ou xuíza de campo. Se alguén na súa quenda golpea a billarda antes de ser nomeado polo xuíz ou xuíza de campo este determinará se o golpe é válido en función de se advertiu ou observou o golpe e a dirección da billarda. Se alguén golpea a billarda fóra da súa quenda ou desde un lugar incorrecto deberá repetir o golpe na súa quenda e desde o lugar que o xuíz ou xuíza de campo determine.
- O xogador ou xogadora unha vez golpee a billarda ou que non estea na súa quenda de golpear debe situarse no lateral do terreo de xogo á altura da súa billarda e a un metro da liña que o delimita ata a seguinte quenda, para deste xeito non molestar nin interferir no xogo doutra participante e para estar máis preto da billarda na súa quenda. As demáis participantes que non están a xogar nese momento e o público en xeral situaráse sempre fóra do terreo de xogo e a unha distancia de alomenos un metro das liñas que o delimitan e a cinco metros do xogador ou xogadora que golpea nese momento. Nunca poderá haber participantes nin público no varal nin en toda a liña de fondo do terreo de xogo agás o xuíz ou xuíza de liña.
- Antes de cada golpe de desprazamento o xuíz ou xuíza de campo observará que non haxa persoas no terreo de xogo que poidan interferir no xogo e así mesmo quen realice o golpe tamén advertirá a esta de se as houbese. Aínda así, se unha billarda en xogo impacta de xeito accidental nunha persoa ou en calquera obxecto que estea dentro do terreo de xogo considérase golpe válido e deberá ser xogada na sequinte quenda desde o lugar onde se detivese. Deste xeito as árbores, farolas, papeleiras, bordos ou distintos obxetos fixos que existan dentro do perímetro do terreo de xogo consideraranse elementos do xogo.
- Se
un xogador ou xogadora nun golpe de desprazamento fose, a criterio do xuíz ou xuíza de campo, molestada de xeito intencionado ou involuntario no
momento de golpear a billarda o xogador ou xogadora poderá optar ou non por
repetir o golpe. Se alguén golpea intencionadamente unha billarda
en movemento deberase repetir o golpe desde a mesma posición. Cando a persoa infractora que o
faga intencionadamente sexa outro xogador ou xogadora será sancionado coa
perda de puntos nesa carreira ou na seguinte que dispute se pertence
a outro grupo ou emparellamento.
- Unha vez dado o golpe de desprazamento hai que esperar a que a billarda se deteña por si mesma. Se despois é movida de xeito involuntario por calquera circunstancia natural ou humana deberá restituirse ao lugar onde se detivera. Se o terreo de xogo tivese unha lixeira pendente e a billarda non se detén e se depraza en sentido contrario ao varal esta pode ser detida co palán polo xogador ou xogadora.
- Unha vez golpeada a billarda e que esta pare no chan non poderá ser tocada de xeito intencionado por ninguén, nin sequera polo xuíz ou xuíza de varal, a non ser que o xuíz ou xuíza de campo llo permita, sinale fóra ou indique que entrou no varal. De facelo sen o permiso do xuíz ou xuíza de campo este determinará o resultado do golpe e o lugar onde caeu a billarda.
- Se unha billarda que está parada na pista é golpeada por outra en movemento deberá restituírse ao lugar no cal estaba inmóbil.
- As liñas que delimitan o terreo de xogo forman parte do mesmo. Polo tanto, o corpo da billarda debe sobrepasar totalmente aquelas para considerala fóra do terreo de xogo ou dentro do varal. Aínda que despois volva a dentro do terreo considerarase que xa sobrepasou as liñas. A billarda unha vez sobrepasada a liña de varal ou o resto de liñas que delimitan o terreo de xogo debe tocar no chan fóra do terreo de xogo para considerarse que entrou no varal ou que saíu fóra do terreo de xogo respectivamente. Tamén se considerará que sobrepasou as liñas se impacta con calquera persoa ou obxecto que estea fóra do terreo de xogo. Se as liñas do terreo de xogo están formadas por unha corda a billarda terá que sobrepasar totalmente a mesma e non se considerará que a sobrepasou cando ésta por estar tensa fixese un efecto de muelle ou rebotase a billarda ou se a billarda desprazase a corda da súa liña. Tan só na liña de varal cando a billarda desprace a corda da liña recta entre os dous postes considerarase que a sobrepasou cando supere esta liña. Polas características do terreo de xogo cando existan bordos ou paredes que delimiten o terreo de xogo acordarase previamente entre os/as delegados/as dos equipos participantes se estes obxectos considéranse elementos de xogo ou liñas de lateral e/ou de fondo que delimitan o terreo de xogo. A base que suxeita o poste do varal considérase un elemento de xogo sempre que estea dentro do terreo de xogo ou delimitando coas liñas do mesmo, pero se a billarda impacta noutra parte da base que estea fóra do terreo de xogo de rebote volve ao mesmo o xuíz ou xuíza de campo coa axuda do xuíz ou xuíza de varal determinará se a billarda sobrepasou compretamente as liñas do terreo de xogo.
- Se despois dun golpe de desprazamento a billarda toca no terreo de xogo e sae fóra polo lateral do terreo de xogo na seguinte quenda o golpe faise dende o punto da liña por onde a billarda saíu fóra; é o que chamamos saque de banda. Pero se a billarda sae polo lateral directamente sin tocar no chan para a seguinte quenda vólvese ao sitio desde o que se golpeou a billarda. Se a billarda sae pola liña de fondo, toque ou non na pista antes de saír, na seguinte quenda vólvese ao sitio desde o que se golpeou a billarda.
- Está prohibido mover, parar ou desviar a billarda intencionadamente mentras está en movemento, pero antes do golpe de desprazamento permítese colocar a billarda ou xirala sobre o seu eixo pero non desprazala. Cando a billarda se pare nun lugar do campo onde non sexa posible xogala pola presenza de algún obxecto, parede, poste, poza de auga, o xuíz ou xuíza de campo determinará o lugar máis próximo ao que parou a billarda desde o cal é posible golpear a billarda na seguinte quenda, pero sempre desprazándoa nunha dirección paralela á liña de varal e a unha distancia máxima de un palán (60 cm) do obxecto. O poste do varal nunca será considerado un obxecto que dificulte o golpeo polo que nunca se poderá desprazar a billarda. Cando o obxecto que dificulte o golpeo está próximo á liña de fondo poderase mover a billarda, desprazándoa nunha dirección paralela á liña de varal pero no sentido máis alonxado do varal e a unha distancia máxima de un palán (60 cm) do obxecto, e de seguir dificultando o golpe despois poderase desprazar en dirección perpendicular á liña de varal pero sempre a unha distancia máxima de un palán (60 cm) do obxecto.
- Cando as condicións do terreo de xogo dificulten o golpe de desprazamento, e con acordo entre os delegados ou delegadas dos equipos antes de comezar a xogar, poderá empregarse outra billarda para poñer debaixo da que se vai golpear.
- Se unha billarda cando é golpeada ou ao bater no chan escacha en dous ou máis anacos considerarase como válido aquel que sexa máis grande.
- Cando haxa que decidir a proximidade dunha billarda ao varal a medida farase desde o extremo da billarda máis próximo ao varal ata a liña de varal, e non ata os postes que forman o varal.
- Se alguén utiliza material non regulamentario será penalizado coa perda dos puntos conseguidos na carreira na que está a xogar con ese material. O xuíz ou xuíza de campo velará para que se cumpran as medidas para o cal actuará a petición de calquera xogador ou xogadora para comprobar as medidas regulamentarias do material.
- É obrigatoria a utilización de cinta de seguridade no palán para cinguila ao pulso. Se alguén non utiliza a cinta de seguridade será penalizado coa perda dos puntos conseguidos na carreira na que está a xogar con ese palán. O xuíz ou xuíza de campo velará para que se cumpra esta norma para o cal actuará de oficio ou a petición de calquera xogador ou xogadora.
- O equipo deberá estar adscrito unicamente a unha Conferencia LNB. Así na primeira xornada de liga na que participe deberá indicar tal circunstancia. Todos os xogadores ou xogadoras dese equipo estarán inscritos nesa conferencia elexida. Isto dará dereito a optar ás prazas para participar no Play-off Nacional por esa Conferencia. Todos os xogadores ou xogadoras de xeito individual ou en equipo poden participar nos abertos das demais Conferencias pero tan só puntuan na mesma de xeito testemuñal e sen opcións ás prazas para participar no Play-off Nacional por esa Conferencia.
- Pódese participar na liga e nos abertos sen ter equipo, e pode facerse un equipo só para un aberto. Ao longo da tempada pódense incorporar novos equipos a competición, se ben só acadarán puntuación nas xornadas que xoguen, considerándose perdidas as que ata ese momento teñan transcurrido. Tamén se permite a incorporación de novas fichaxes a cada equipo durante a tempada.
- Non se poderá cambiar de equipo durante a tempada. Se un xogador ou xogadora deixa un equipo por calquera motivo, poderá seguir xogando, mais farao sen pertencer a ningún equipo novo. O equipo manterá a mesma puntuación na clasificación que tivese ata o momento.
- Calquera xogada dubidosa ou reclamación será resolta polo xuíz ou xuíza de campo contando coa opinión do xuíz ou xuíza de varal.
- O xogo da billarda debe contribuír a promover o carácter formativo, lúdico e socializador deste deporte, promovendo unha participación aberta, plural e democrática e a competitividade baixo uns valores de igualdade, respecto, compañeirismo, integración e corresponsabilidade. Diante de calquera actitude antideportiva reiterada ou agresión física e/ou verbal a un xogador ou xogadora será función do comité de competición resolver esta circunstancia que poderá supoñer como sanción a expulsión desa persoa do terreo de xogo nesa xornada e incluso da liga.