terça-feira, 25 de setembro de 2007

Queda pouco!

Pois si, xa falta menos para que a Zapateira sexa testigo do primeiro partido da LNB-NorOeste, e as franquicias xa están movendo o mercado de fichaxes para completar as súas plantillas! Para todos os que aínda non esteades apuntados volvemos a comentarvos que tedes que escribirnos ao noso correo (lnb-noroeste@gmail.com) indicando nome, teléfono, e-mail e DNI. Pola inscripción tedes que pagar 10 €, no que vai incluido todo o necesario para a Liga (seguro, material...).
Os partidos xogaranse os domingos pola tarde (cando teñamos o calendario xa volo comunicaremos), aínda que esperamos facer os cambios necesarios para que todos poidamos ir a todas as xornadas. En principio os partidos serán na Zapateira, pero intentaremos desprazarnos a outras zonas do noreste.
Como xa dixeramos, aquí o sistema de xogo é similar ao do ciclismo ou da F-1, con clasificación individual e por franquicias. Estas franquicias constarán de 4 a 8 palanadores (recoméndase de 4 a 6), e poderedes xogar nalgunha das xa creadas ou facer unha propia se contades coa xente suficiente. Tamén haberá unha franquicia branca para todos aqueles que participen nalgunha xornada pero que non estean inscritos na Liga, polo que non contarán para a clasificación xeral.
Como se explica neste gráfico, o campión da Conferencia NorOeste pasará ao playoff final de Santiago, onde se enfrentará ao campión da Conferencia NorLeste. Deste partido sairá o vencedor da Liga Nacional de Billarda. Tamén existe a posibilidade de ser escollidos para a Selección Galega de Billarda, coñecida como a Auténtica, que xogará varios partidos contra outros combinados.
Seguimos esperándovos na LNB-NorOeste! Outro deporte é posíbel!!!

domingo, 16 de setembro de 2007

Regras

Xa queda menos para o comezo da liga! Emocionados como estamos temos que comentarvos que nos están chegando moreas de e-mails para entrar nalgunha das franquicias que están a ser creadas, se aínda non estades apuntados a que esperades?
Para os que aínda non o saibades imos explicarvos en que consiste este deporte. O material necesario son dous paos de madeira; un deles chámase billarda, mide 20 cm e está afiado polos extremos; o outro chámase palán e mide 60 cm. Enfréntanse dous xogadores, chamados palanadores, que tentarán levar a billarda até o outro extremo do campo e introducila nunha meta chamada varal. Para levala hai que golpear un extremo da billarda co palán, para que a primeira se eleve no ar e antes de que caia hai que volver a golpeala en dirección ao varal. Unha vez que o primeiro palanador realiza o seu lanzamento, irá o segundo, que tentará facer o mesmo. O xogo desénvolvese por turnos, e gañará o primeiro que introduza a billarda no varal (pódese empatar se os dous palanadores tardan en chegar á meta o mesmo número de turnos).
Os palanadores asócianse en franquicias de forma similar aos pilotos de F-1, e hai tanto competición individual como por franquicias.
Por se aínda non quedou claro deixámosvos un vídeo dos compañeiros do leste no que está moi ben explicado o funcionamento do xogo.



Esperámosvos na LNB-Conferencia Noroeste!

segunda-feira, 3 de setembro de 2007

Inauguración

Saúdos! Hoxe inauguramos este blogue, que tratará de achegarvos a todos as noticias máis frescas da Liga Nacional de Billarda do NorOeste, que se estreará este ano na pista da Zapateira, nos arredores da cidade coruñesa (xa avisaremos da data do comezo da liga, aínda que adiantamos que será a mediados de outubro). Nesta pista, situada no Campus Universitario da Coruña, xa se disputaron os dous primeiros All-Stars da Billarda, ambos con moito éxito.
E a finalidade principal deste post de presentación é comunicarvos que todos vós podedes participar nesta liga, sen importar idade, raza, sexo, relixión, sistema operativo, compañía telefónica, marca de calzóns ou calquera outro aspecto que poida levar a discusión ;). Se queredes apuntarvos ou pedir información só tedes que mandarnos un e-mail ao noso correo (lnbnoroeste@gmail.com) indicando nome, e-mail e teléfono... Tampouco se precisa experiencia nen material, só ganas de pasalo ben practicando un deporte que foi creado polos compañeiros de O Varal da Confererencia Leste a partir do coñecido xogo tradicional.
Esperámosvos a todos na Conferencia NorOeste! Outro deporte é posíbel!!!