segunda-feira, 7 de setembro de 2015

I ABERTO DE BILLA DE PONTECESO


O campo de xogos do MELGA acollerá este domingo 13 de setembro o seu primeiro aberto de billarda con motivo das Festas da Barquiña. Está organizado pola Fundación  Ricardo Pérez e Verdes, e o  MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia), e coa Comisión de Festas do Concello de Ponteceso e a Conferencia Noroeste da Liga Nacional de Billarda.

Haberá 3 categorías GRUPO A: de 6 a 14 anos; GRUPO B: de 15 a 30 anos e GRUPO C: de 31 anos en diante.

É imprescindíbel apuntarse antes das 14 horas do xoves 10 de setembro.
MELGA: 981 715 442
BERDILLO: 687 607 477


I ABERTO DE BILLA de PONTECESO (Domingo, 13 de setembro de 2015)
REGULAMENTO

1.- Poderán participar no I ABERTO DE BILLA de Ponteceso, todas aquelas persoas que o desexen, sempre e cando estean inscritos para o devandito concurso/competición. A inscrición será GRATUÍTA. As inscricións levaranse a cabo por teléfono, fax ou correo electrónico ou ben directamente no  MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia), sito no Centro Cultural de Ponteceso, en horario de mañá de 9,00 h. a 13,00 h. e polas tardes de 17,00 h. a 20,00 h. Os participantes inscribiranse de forma individual. O prazo límite de inscrición finalizará o xoves 10 de setembro ás 14,00 h.
2.- Este Festival Galego do Xogo e o Deporte Tradicional, celebrarase o DOMINGO día 13 de setembro de 2015 ás 11,00 h. da mañá, con motivo das festas Patronais da  Barquiña, organizado pola Fundación  Ricardo Pérez e Verdes, e o  MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia), e coa Comisión de Festas do Concello de Ponteceso, a Liga Nacional de Billarda e a Conferencia Noroeste de Galicia.
3.-O lugar da carreira/tirada será no Campo de  Xogos do MELGA anexo ao Centro Cultural de Ponteceso.
4. -Haberá tres categorías: GRUPO A: de 6 a 14 anos; GRUPO B: de 15 a 30 anos e GRUPO C: de 31 anos en diante, tanto en masculino e feminino.
5.- Todos os competidores que se inscriban, deberán levar obrigatoriamente, os seus  palans  e as súas correspondentes billas. En caso de que algúns tiradores/ras non posúan os elementos do xogo (billa-palán), a organización poderá, en calidade de préstamo e excepcionalmente, ceder os devanditos implementos para realizar a competición.
6.- O  palán, será de madeira, e terá unha lonxitude de 60 cm. e un diámetro máximo de 3 cm. e un mínimo de 1,5 cm. A  billa, tamén será de madeira, e a súa lonxitude máxima será de 25 cm. e mínima de 18 cm. cun diámetro máximo de 3 cm. e un mínimo de 1,5 cm. O  palán  deberá ir suxeito o pulso da man por unha fita de seguridade que será OBRIGATORIA para participar no concurso.
7.- A cancha de xogo, será un terreo (herba, cemento ou terra) o mais chairo posible sen obstáculos, e terá unhas dimensións aproximadas de 50 x 20 m. Ademais terá un Varal que son dous postes situados a 3,60 m. un do outro, colocado na liña que delimita a meta final do campo de xogo. Enfrontado e oposto ao Varal, na liña de saída, localízase un cadrado (madeira, terra, pedra lisa) de 60 x 60 cm. que será a Zona do saque ou inicio da partida.
8.- O concurso desenvolverase por enfrontamento dun xogador contra outro, é dicir, entre parellas.
9.- O xogo consistirá en tratar de chegar coa  billa  ata o Varal, traspasando totalmente este, no menor número de golpes posible e antes que o seu contrincante.
10.- Coa billa  sobre o chan na zona de saque, o xogador/a golpeará co  palán  nun dos seus extremos puntiagudos da billa, para que salte cara a arriba e unha vez no aire, golpeala de novo fortemente, intentando dirixila cara ao varal, coa finalidade de traspasala entre os dous paus.
11.- Todo xogador/a terá un tiro en cada acción. Sempre que toque a  billa o  palán, aínda que esta non se levante, contabilizarase un tiro válido e o golpeo pasará ao seguinte  palanador/a. En cambio, SI estará permitido que o  xogador/a poida golpear varias veces a billa, segundo a súa habilidade e desexo, cando esta se encontra aínda no aire.
12.- Os palanadores/ras dende a zona de saque farán os seus lanzamentos en orde alternativa.
13.- Cando un xogador/a consegue introducir a billa  no varal dun só golpe denomínaselle "Varado". Se o primeiro lanzamento non se consegue varado, o  palanador/a fai o seguinte lanzamento dende o lugar onde se detén a  billa.
14.- Está prohibido mover, parar ou desviar a  billa intencionadamente mentres está en movemento, pero antes do lanzamento permítese colocar a billa  ou xirala sobre o seu eixe, pero nunca se pode desprazar.
15.- Se o terreo de xogo, tivese algunha irregularidade que non facilitase o correcto golpeo de lanzamento, permitirase ao competidor/a unha axuda extra, que consiste en colocar debaixo da súa  billa  algún obxecto (pedra, outra  billa, afundido en terra, etc.), que eleve a punta da mesma e se poida efectuar o golpeo axeitadamente.
16.- Se unha billa toca o terreo de xogo, despois de ser golpeada e sae fóra polo lateral da pista, o seguinte tiro farase dende o punto da liña por onde a billa  saíu fóra, o que se chama "saque de banda". Pero se a billa  sae polo lateral directamente sen tocar o chan, volverase ao lugar de onde foi lanzada.
17.- Se o lanzamento sae pola liña de fondo, toque ou non a pista antes de saír, volverase ao lugar do lanzamento.
18.- Un tiro considerarase non válido, cando non traspase completamente a liña de marca do terreo de xogo. O mesmo acontece no Varal, a billa  ten que superar completamente a liña de meta para que sexa o tanto válido.
19.- As árbores, farois, ou distintos obxectos fixos que existan na pista de xogo, considéranse elementos do xogo, polo tanto se a billa  bate contra eles será coma se golpease contra o poste do varal, considerándose válido o lugar en que remata a  billa. O mesmo acontece se a  billa  golpea accidentalmente noutro xogador, no árbitro ou en calquera espectador que distraído puidera cruzar a pista no momento do lance do xogo.
20.- Se ao ser golpeada unha  billa  por un palanador/a golpea outra billa  que estea parada no chan, esta debe volverse ao sitio e a que golpeou quedarase onde se pare.
21.- Se o xogador que ten a quenda de tiro fose, a criterio do árbitro, molestado no momento de golpear a  billa, poderá optar ou non por repetir o golpe. Cando o infractor sexa outro xogador, que faga intencionalmente a devandita acción, este será penalizado coa perda de dous (2) puntos á súa clasificación final.
22.- A competición do  I ABERTO DE BILLA  farase, un contra un, en sistema de TODOS CONTRA TODOS, seguindo as Táboas  de competición Internacional. Unha vez comezado o concurso, non se admitirán mais participantes, a excepción de que o grupo estea cun número impar e non se iniciase a segunda rolda da xornada.
23.- No caso de contar con moitos xogadores/ás en cada grupo, a competición estableceríase polo sistema de  ELIMINITARIA DIRECTA ou faríanse, si fora posible, varios grupos.
24.- Gañará a partida ou carreira, aquel xogador/a que consegue meter a  billa  no varal antes que o seu contrincante, pero sempre co mesmo número de lances feitos por cada xogador. Se ambos os dous pasan o varal co mesmo número de golpes, producirase un empate.
25.- No caso de empate, tanto nas fases clasificatorias coma en varados, os xogadores/ás mediranse, dende a liña de saída, nun só lanzamento, gañando aquel que consiga chegar máis preto ao varal ou traspase este.
26.- A cada xogador/a que gañe un encontro concederáselle dous (2) puntos e ao perdedor un punto (1). Os dous  palanadores/ás que consigan máis puntuación, nos seus respectivos grupos, mediranse nunha GRAN FINAL.
27.- Todos os encontros estarán supervisados por xuíces ou árbitros cualificados. As súas decisións son inapelables. No caso de que un  palanador/a non estivese de acordo cunha decisión arbitral, poderase presentar unha reclamación por escrito, dirixida ao Presidente do Comité da Organización.
28.- O sábado 12 de setembro, día anterior á Gran Final, a partir das 16,00 h. e ata as 20,00 h., a Organización do Torneo habilitará para todos aqueles  palanadores/ás que o desexen, o campo de xogo do  MELGA, para realizar unha sesión práctica de adestramento antes da competición final. A sesión estará dirixida por varios monitores da Conferencia Noroeste de  Billarda  de Galicia.
29.- Os premios que se concederán neste I ABERTO DE BILLA de Ponteceso, serán os seguintes: un trofeo ao campión e subcampión de cada grupo; un premio especial para os  palanadores/as  mellor clasificados do  concello  de  Ponteceso  nas súas respectivas categorías; un recordo para o xogador/a máis novo e outro para o xogador máis veterano e un trofeo feminino e outro masculino, para os "Paláns  de OURO" (aqueles que consiga traspasar o varal nun só golpeo).
30.- En caso de que o tempo non nos acompañe, o I ABERTO DE BILLA do  Concello de Ponteceso, NON SE SUSPENDERÁ, xa que este se trasladaría ao Polideportivo Municipal.
31.- A todos os participantes inscritos, a Organización lles fará entrega en dito momento ou antes de que comece o concurso, do regulamento de dito deporte tradicional.
32.- O presente regulamento será de exclusiva aplicación neste concurso/competición. Para todo o non considerado neste, nos remitiremos ao Comité Organizador do evento, que estudará, analizará, e avaliará as reclamacións pertinentes presentadas, para a súa aprobación ou reprobación final.

O COMITÉ ORGANIZADOR


I ABERTO DE BILLA de PONTECESO (Domingo, 13 de setembro de 2015)
PROGRAMA

10,00 a 10,15 h.: RECEPCIÓN E ENTREGA DE DOCUMENTACIÓN A XUGADORES/AS
10,15 a 10,30 h.: PRESENTACIÓN E CONTROL DO MATERIAL DE XOGO
10,30 a 11,00 h.: ADESTRAMENTO NO TERREO DE XOGO
11,00 a 11,45 h.: INICIO DA COMPETICIÓN OFICIAL PARA OPRIMEIRO GRUPO
                           CANCHA 1: GRUPO “A” – CANCHA 2: GRUPO “B” (ADESTRAMENTO)
                           DESCANSA: GRUPO “C”
11,45 a 12,30 h.: COMPETICIÓN OFICIAL SEGUNDO GRUPO
                           CANCHA 1: GRUPO “B” – CANCHA 2: GRUPO “C”(ADESTRAMENTO)
                           DESCANSA: GRUPO “A”
12,30 a 13,15 h.: COMPETICIÓN OFICIAL TERCEIRO GRUPO
   CANCHA 1: GRUPO “C” – CANCHA 2: GRUPO “C”
                           DESCANSA: GRUPO “A” e GRUPO “B”
13,15 a 13,45 h.: GRAN FINAL
                           CANCHA CENTRAL: CAMPEÓN E SUBCAMPEÓN DE CADA GRUPO
14,00 h.: ENTREGA DE TROFEOS E PREMIOS
14,30 h.: CLAUSURA DO I ABERTO DE BILLA DE PONTECESO
OBSERVACIÓNS:
  • O programa posiblemente poderá sufrir algunha modificación no transcurso da competición. Si isto acontecese, todos os palanadores/as serían puntualmente informados pola boa marcha da xornada.
  • Prégase RESPECTAR OS HORARIOS establecidos pola Organización.