sábado, 29 de maio de 2010

Alá imos!

Xa quedan menos de 24 h para o acontecemento do ano! Os palanadores que participarán nos Play Off de Conxo fixeron durante estes días os seus últimos adestramentos en terra para prepararse para a longa e difícil pista de mañá.
A tarde e a noite de hoxe serán de meditación, visualizando os mellores golpeos posíbeis, imaxinando as billardas que, voando sobre a area de Conxo, vaian achegando aos nosos palanadores ao título da LNB.

Aquí tedes o cartaz deseñado por Nachok para a Gran Muiñada de Conxo. Todo comezará ás 11:30, onde Leti e Marica loitarán, xunto coas clasificadas das outras conferencias, pola vitoria na categoría feminina. Unha hora máis tarde, a final por franquicias, con Filloas de Sangue e Xarutos buscando a gloria. Tras o xantar de irmandande, co que rememoraremos o famoso Banquete de Conxo, os nosos palanadores clasificados en varados e categoría individual desputarán as súas respectivas finais.
Concentración máxima, polo tanto, a dos nosos palanadores nestas horas previas á loita final. Adiante, búfalos e búfalas do NorOeste, confiamos en vós! A pola vitoria na area de Conxo!

quarta-feira, 26 de maio de 2010

No NorOeste tamén temos terra!

Confírmase o adiantado no anterior post. Acaban de ser enviadas a esta redacción unhas fotografías de palanadores do NorOeste adestrándose en pistas similares á que o domingo acollerá os Play Off da LNB. Brutal testimonio gráfico que deixa claro que os buffalos do NorOeste se preparan a conciencia para a cita de Conxo.
Avante a Conferencia NorOeste! Se van cagar, neno!


terça-feira, 25 de maio de 2010

Camiño de Conxo!

Case sen recuperarse do emocionante desenlace da nosa liga, os palanadores xa se preparan a conciencia para o próximo domingo, onde todas as conferencias da Galiza se reunirán para desputar os Play Off polo título nacional.
Os participantes do NorOeste non deixan de afiar as billardas, e soñan cada noite co golpe perfecto, con ese varado que os leve á vitoria na area de Conxo. Fontes que non deben ser reveladas confirmaron a esta redación que Filloas de Sangue, Xarutos e Taravelas, as tres franquicias que contan con clasificados para os Play Off, pasarán a semana adestrándose en pistas de terra para poder adaptarse ben ao campo de xogo de Conxo.

Aquí vos deixamos a lista dos participantes en categoría individual:
Roi (F. de S.)
Anxo (Tar)
Lois (F. de S.)
Maceira (Xar)
David (F. de S.)
Rafa (Xar)
Sergio (Xar)
Leti (Xar)
Xose (F. de S.
Miguel (Xar)
Xaquín (Tar)
Marica (Tar)*
*Entra na lista debido á baixa de Jorge, palanador dos Taravelas clasificado en 9ª posición.

As franquicias que loitarán polo título en Conxo son os Filloas de Sangue e os Xarutos.

Na categoría de varados, os clasificados son os seguintes:
Roi (F. de S.)
David (F. de S.)
Lois (F. de S.)
Sergio (Xar)
Miguel (Xar)

Só dúas mulleres, Leti e Marica, confirmaron a súa participación na categoría feminina, mais a forza coa que loitarán para facerse co título non deixará indiferente a ninguén.

Atentos todos, porque a marea do NorOeste aparecerá nos Play Off levantando a area de Conxo como se dunha estampida de buffalos africanos se tratase!

segunda-feira, 24 de maio de 2010

Último aberto 09-10!



Este domingo, baixo un abrasador sol coruñés, celebrouse na Sardiñeira o último aberto da Conferencia NorOeste, pechando así o ano III da nosa liga.
A historia da última xornada xa lle soaba a todo o mundo. Os Xarutos chegaban en primeira posición, mais seguidos ben de perto polos Filloas de Sangue, con só 3 puntos separando a estas dúas franquicias. Os primeiros clasificados dependían de si mesmos, mais a presión podía ser determinante. A franquicia dos Filloas de Sangue non tiña nada que perder, así que a palabra que resumía a súa estratexia era a seguinte: tranquilidade. A actuación da terceira franquicia na clasificación xeral, os Taravelas, tamén podía marcar o desenlace da liga.
O xogo comezou, e as rondas foron pasando, caendo algúns favoritos, como Serxio e Rafa, dos Xarutos. Seis palanadores chegaron ás semifinais: Anxo (Taravelas), Maceira (Xarutos) e catro Filloas de Sangue: Lois, Xose, Roi e David. Lois deixou fóra a Anxo, Maceira a Xose e David a Roi, o líder da clasificación individual, e que na primeira ronda nos agasallara cun fermoso varado, o único acadado nesta complicada pista da Sardiñeira. Na final a tres, os Fontán, Lois e David, xunto con Maceira, estrela dos Xarutos, preparábanse para loitar polo Aberto. Neste emocionante e axustado desenlace, Lois fíxose coa vitoria, deixando a Maceira e David en segunda e terceira posición, respectivamente. Lois conseguía así o seu segundo aberto consecutivo, deixando clara a súa boa forma de cara aos Play Off do próximo domingo, mentres que os pontos sumados por David, Roi e Xose eran importantísimos para a equipa, consumándose así a remontada. 16 de 18 puntos posíbeis para a franquicia nesta última xornada facían realidade o seu soño: conseguir a vitoria na Conferencia NorOeste e reeditar o campionato de liga do primeiro ano, que conseguiran tamén en detrimento dos Xarutos. Os propios Xarutos fregaban os ollos, vendo como se lles escapaba a liga na última xornada. E xa van tres anos.
O narración do ocorrido na xornada foi gravado por Tele-Varal con Serxio como reporteiro nunha dobre exclusiva.

"Eu xogho á estornela, n'o poido negar, teño unha billarda e o palán na man". Así comeza a primeira parte da mesma, na que Serxio nos resume a situación das principais franquicias ao remate da liga.

Na 2ª parte temos unha entrevista aos finalistas, que nos dan as claves do ocorrido neste último aberto e ameazan a toda a tribo LNB de cara aos Play Off de Conxo, a onde os palanadores adoecen por ir!
Resumindo, máis leña ao lume para esta rivalidade entre Xarutos e Filloas, que vai camiño de converterse nunha loita lexendaria dentro da serpe multicolor da LNB. Iso si, integrantes das dúas franquicias aclararon que todo isto queda de lado de cara ao próximo domingo, onde ambas loitarán fronte ao resto das franquicias clasificadas por traer para o NorOeste o trofeo que as acredite como vencedoras dos Play Off da LNB.
Se van cagar, neno!