segunda-feira, 24 de maio de 2010

Último aberto 09-10!



Este domingo, baixo un abrasador sol coruñés, celebrouse na Sardiñeira o último aberto da Conferencia NorOeste, pechando así o ano III da nosa liga.
A historia da última xornada xa lle soaba a todo o mundo. Os Xarutos chegaban en primeira posición, mais seguidos ben de perto polos Filloas de Sangue, con só 3 puntos separando a estas dúas franquicias. Os primeiros clasificados dependían de si mesmos, mais a presión podía ser determinante. A franquicia dos Filloas de Sangue non tiña nada que perder, así que a palabra que resumía a súa estratexia era a seguinte: tranquilidade. A actuación da terceira franquicia na clasificación xeral, os Taravelas, tamén podía marcar o desenlace da liga.
O xogo comezou, e as rondas foron pasando, caendo algúns favoritos, como Serxio e Rafa, dos Xarutos. Seis palanadores chegaron ás semifinais: Anxo (Taravelas), Maceira (Xarutos) e catro Filloas de Sangue: Lois, Xose, Roi e David. Lois deixou fóra a Anxo, Maceira a Xose e David a Roi, o líder da clasificación individual, e que na primeira ronda nos agasallara cun fermoso varado, o único acadado nesta complicada pista da Sardiñeira. Na final a tres, os Fontán, Lois e David, xunto con Maceira, estrela dos Xarutos, preparábanse para loitar polo Aberto. Neste emocionante e axustado desenlace, Lois fíxose coa vitoria, deixando a Maceira e David en segunda e terceira posición, respectivamente. Lois conseguía así o seu segundo aberto consecutivo, deixando clara a súa boa forma de cara aos Play Off do próximo domingo, mentres que os pontos sumados por David, Roi e Xose eran importantísimos para a equipa, consumándose así a remontada. 16 de 18 puntos posíbeis para a franquicia nesta última xornada facían realidade o seu soño: conseguir a vitoria na Conferencia NorOeste e reeditar o campionato de liga do primeiro ano, que conseguiran tamén en detrimento dos Xarutos. Os propios Xarutos fregaban os ollos, vendo como se lles escapaba a liga na última xornada. E xa van tres anos.
O narración do ocorrido na xornada foi gravado por Tele-Varal con Serxio como reporteiro nunha dobre exclusiva.

"Eu xogho á estornela, n'o poido negar, teño unha billarda e o palán na man". Así comeza a primeira parte da mesma, na que Serxio nos resume a situación das principais franquicias ao remate da liga.

Na 2ª parte temos unha entrevista aos finalistas, que nos dan as claves do ocorrido neste último aberto e ameazan a toda a tribo LNB de cara aos Play Off de Conxo, a onde os palanadores adoecen por ir!
Resumindo, máis leña ao lume para esta rivalidade entre Xarutos e Filloas, que vai camiño de converterse nunha loita lexendaria dentro da serpe multicolor da LNB. Iso si, integrantes das dúas franquicias aclararon que todo isto queda de lado de cara ao próximo domingo, onde ambas loitarán fronte ao resto das franquicias clasificadas por traer para o NorOeste o trofeo que as acredite como vencedoras dos Play Off da LNB.
Se van cagar, neno!

Sem comentários: