segunda-feira, 28 de abril de 2008



Ledoira convertiuse en capital da billarda este domingo día 20 de abril, mes que facendo honra á súa fama estivo a piques de asulagar Pontecarreira enteira na penúltima xornada da liga da Conferencia do NorOeste. Se nun comezo se tiña pensado xogar ao aire libre nesta primeiro partido fora do campo da Zapateira, o tempo fixo que todos os palanadores presentes disputaran o partido no Polideportivo do Concello de Pontecarreira. De novo agradecerlle aos Xarutos as súas xestións e traballo para que todo saíse ben e o interese que desataron por toda a zona mediante a colocación de cartaces que anunciaban a competición por todos os bares da zona, como todo evento que se prece debería ser sempre publicitado.


Os Xarutos, Os electrónicos e Os Filloas de Sangue acudiron con todos os seus membros ao punto de encontro pactado: o Nogallás, en Ordes. Alí tamén estaba o novo equipo que se ía estrenar na billarda, os Fendepaus, con integrantes do concello de Cerceda e que para a liga 2008-2009 van aportar dúas novas franquicias á LNB-NorOeste. Atreu acudiu con poucos xogadores ao igual que Taravelas, tendo como único representante a Xaquín, con todo e sendo poucos van ser dous equipos que darán moito que falar visto o seu magnífico manexo co palán. Fallaron á convocatoria Os Cuackeros e os Centolos Rabudos.

O partido foi moi emocionante e os Fendepaus, da man de Pablo, conseguiron o seu primeiro varado, o outro varado do partido correu da man de Moaña, dos Atreu. Destacar tamén a Xaquín que fixo 5 puntos para a súa franquicia. Anque Atreu e Taravelas non compiten para gañar na liga, xa se amosaron receptivos a sobornos para o próximo partido onde se decidirá o campeón da Conferencia NorOeste, porque o día 11 de maio a cousa vai estar fervendo xa que neste partido Os Xarutos, xogando na casa e todo, permitiron que Os Filloas de Sangue se achegasen perigosamente á súa posición na clasificación da liga a tan so 2 puntos e iso que David estaba lesionado. Por outra banda Os electrónicos siguen lentos pero seguros, con 100 puntos, a catro dos Xarutos. Durante o partido palpábase a tensión, víanse billardas rolar esvaradizas polo terreo de xogo, membros dos Fendepaus algo despistados ante o descoñecemento das normas, chuzos de punta a caer no teito do polideportivo e finalmente a clasificación final quedou cos Xarutos á cabeza con 104 puntos, os Filloas de Sangue pisándolles o rabo e Os electrónicos dando guerra ata o final.


Deste xeito a próxima xornada vai ser decisiva, emocionante, cardíaca, infartante…e aínda non sabemos onde se vai disputar: se no campo da Zapateira, se en terras de Cerceda, se en Compostela…a Conferencia NorOeste está aberta a todas as opcións e os xogadores dispostos a dalo todo, de feito xa se sabe de equipos que están entrenando coa intención de facerse co liderazgo e disputar en Compostela a gran final cos Billardeiros Musicais da Conferencia NorLeste.


Despois do partido Os Xarutos levaron aos que aínda tiñan folgos ata O´Cadaval a tomar a última e comentar os detalles desta penúltima xornada e toda a Conferencia NorOeste agradécelles o esforzo que fixeron para que o día fose un éxito a pesar da choiva.


Para este domingo, palanadores da nosa conferencia hanse achegar a disputar a I Copa do Salnés e a seguinte cita, non esquezades: o 11 de abril, onde se decidirá o campeón da Conferencia NorOeste.

3 comentários:

Ghanito disse...

Emoción até o mesmo final na LNB. Quen lles dera aos fuboleiros ter unha liga a metade de emocionante!

E a data é o 11 de maio, non de abril :D

ZIMMER103 disse...

indescriptíbel emoción cando a guagua do NorLeste parou camiño de Xil no Bar Cadaval e atopose cos cartaces guindados na parede e a semente deixada na barra polos irmáns do NorOeste despois do combade de Ledoira.

Revolución billardeira invadindo pistas e mostradores!!

besbe disse...

ghanito era para despistar aos contrincantes :D e merecen un premio os do NorLeste por esa labor social!!