segunda-feira, 15 de novembro de 2010

Xan dos Bateas faise co 1º aberto da temporada!

Chegar e encher. Así se chama o que a equipa dos Bateas fixo onte no parque coruñés da Santa Margarida.
Sobre as 12 da mañán os palanadores do NorOeste foron chegando ao auditorio do parque, escollido para ser o lugar no que se disputaría o 1º aberto desta nova edición da liga da Conferencia NorOeste. Foi unha mañá de chuvia, que por sorte cesou cando ía comezar o aberto e permitiu que se desputase sen problemas, aínda que esa foi unha das causas de que a asistencia de palanadores á primeira xornada fora inferior ao esperado.

Cando a chuvia ía a menos, sobre as 12:30 h, deuse comezo ao aberto. O sistema foi o dunha fase de grupos da que saíron 8 clasificados que se emparellaron en 1/4 de final. Segundo se disputaba esta fase de grupos a chuvia deixou de caer, mais a pista aínda estaba moi mollada, polo que os palanadores decidiron non utilizar aínda as billardas de seco.
Sete xogadores clasificáronse de forma directa para esa ronda, mentres que Carola e Anxo, terceiros dos seus grupos, tiveron que ir á repesca. Tras unha dura loita, Carola, nova adquisición dos Filloas de Sangue e unha das revelacións da xornada, conseguiu deixar fóra da pelexa polo aberto a un billardeiro experimentado como Anxo, dos Taravelas. Mención especial merece Cristian, o xoven palanador dos Xarutos, que pasou a 1/4 como primeiro do seu grupo.
A pista secaba, e os dous Bateas asistentes, Xan Rodiño e Lois, comezaban a amosar por que están ben situados nas clasificacións de todas as conferencias da LNB. O segundo deixou fóra a Roi, vixente campión da nosa conferencia, mentres que o primeiro eliminou a Davide, tamén dos filloas, despois de varios desempates.
Os outros dous clasificados para semifinais foron Lois Fontán, dos Filloas, e Serxio, dos Xarutos, que deixaron fóra a Cristian e a Carola, respectivamente.
Así chegou a penúltima ronda, as semifinais, onde os emparellamentos enfrontaron a Xan Rodiño e a Lois, os dous dos Bateas, nunha loita fratricida polo título. Mentres, na outra semifinal pelexaban dous vellos coñecidos, Lois Fontán e Serxio. Xan Rodiño e Lois Fontán desfixéronse dos seus adversarios e enfrontáronse nunha final épica na que o xogador dos Bateas se fixo coa vitoria.
Dúas instantáneas tiradas polos nosos fotógrafos amosan a calidade destes dous finalistas, que lle brindaron ao público asistente golpes tan excepcionais como estes:

Lois Fontán, unha das estrelas dos vixentes campións Filloas de Sangue, suspéndese no aire para realizar un golpe maxistral.

Xan, dos Bateas, golpexa con rabia a billarda conseguindo así a vitoria neste 1º aberto da liga.

Os finalistas felicítanse deportivamente tras a desputa da final.
Por outra banda, temos que falar do concurso paralelo ao aberto que se realizou no día de onte patrocinado por Gz en Varados, programa de Tele-Varal conducido polos dous asistentes pertencentes á franquicia dos Bateas. Consistía en adiviñar o número de varados que se ían conseguir ao longo do aberto. Xan Rodiño, vendo as dificultades que presentaba a pista en cuestión, afirmou que non se ía conseguir ningún, e iso foi o que ocorreu, aínda que moitos golpes directos quedaron ás portas ou incluso foron rexeitados polos paus do varal.
Polo tanto, Xan foi dobremente campión na xornada de onte, aínda que amosando a súa deportividade e xenerosidade decidiu que o premio do concurso, unha botella de Carolines, quedase en mans dos organizadores da Conferencia NorOeste para futuras ocasións. Non temos máis que darlles as grazas polo seu xesto desinteresado. Iso si, hai quen di que os palanadores do NorOeste, coñecidos pola súa hospitalidade, non quixeron ser menos, e decidiron non facer ningún varado nin tampouco eliminar aos Bateas ao longo do aberto, agradecéndolles desa forma a súa visita á cidade coruñesa.
"É que son bos rapaces", escoitóuselle dicir a certo billardeiro do NorOeste nese entorno máxico de Santa Margarida.

Sem comentários: