"O meu reino por unhas sardiñas!!!" - Ricardo III de Inglaterra.
Os Mallos é un barrio ben coñecido na Coruña. Entre a avenida da Sardiñeira e a de Arteixo sitúase o lugar onde todos os martes polas mañás, así como o segundo e terceiro sábado de cada mes, se celebra a mítica feira dos Mallos. Mais non é este o único evento a destacar realizado na denominada Agra dos Mallos. Esta área coñecida como a Sardiñeira, que comprende tamén o instituto, o complexo deportivo e o Centro Cívico, xa foi sede de máis abertos da nosa Conferencia en pasadas temporadas.
Mais por que "sardiñeira"? Ben sabemos que as sardiñas son un elemento básico da dieta coruñesa, alcanzando os seus niveis máximos de venda, por suposto, no mes de San Xoán. Sardiñeira é o termo utilizado para o aparello de pesca que se dedica á pesca da sardiña, mais a outra acepción é para as mulleres que viven da venda deste peixe.
Non fai tanto tempo, nesta mesma cidade, as sardiñeiras eran unha figura típica da vida cotiá. Camiñaban polas rúas coruñesas cargando co seu produto, e incitaban a súa compra baixo o berro de "sardiñas viviñas!". Ese grito aínda resoa na mente dos nosos palanadores coruñeses, que o domingo a partir das 16 h pretenderán emular a estas míticas mulleres baixo o berro común de "billardas viviñas!". Porque as billardas están agora máis vivas que nunca na nosa Conferencia.
Na Sardiñeira teremos invitados doutras conferencias, así como novas incorporacións, sendo algunha delas todo un boom para os vellos coñecedores da liga. A volta do A Treu e a continuidade das Invencibles daranlle un novo pulo a esta histórica liga.
Este aberto corresponde á 3ª xornada da liga, na que se comezará a albiscar cales poden ser as equipas e os xogadores que loitarán polo título. Admítense apostas, mais mellor será que apostes por ti mesmo e te unas á serpe multicolor da LNB, que este domingo chega coa súa caravana de cor e emoción á Agra dos Mallos! A lata de sardiñas, quizais non tan viviñas coma antes, así como a botella de Carolines para acompañar, doada polos Bateas á conferencia nun encontro anterior, serán os premios deste día para o palanador que se faga co aberto. Non nos mires, únete! Este domingo ás 16 h na Agra dos Mallos (a Sardiñeira), nova xornada da Conferencia NorOeste. AS billardas están máis vivas ca nunca!
PD: O sábado en Trazo, tamén ás 16 h, desputarase unha nova xornada da Conferencia Centro. Anímamosvos a asistir! Haberá representación do NorOeste!
PD2: Novo salto internacional da Auténtica, máis info aquí. Avante o Galiza-Catalunya!
Sem comentários:
Enviar um comentário