sábado, 13 de novembro de 2010

I Aberto de Santa Margarida!

Palanadoras, palanadores todos, quedan xa menos de 72 horas para o inicio da IV Liga do NorOeste! Os rudos billardeir@s atlánticos chegan a esta cita histórica cargados de lume nas olladas e coa raiba batendo ben forte no peito debido aos últimos acontecementos que están a axitar o Sáhara, onde o terrorismo de Estado de Marrocos pretende calar a historia. Desde aquí amosamos a nosa máis forte repulsa ante estes feitos, e apoiamos o movemento de liberación desa flor queimada polo sol á que lle cantaban os Tamara a través da voz do crooner coruñés Pucho Boedo, orgullo de todos nós.

E para comezar esta nova edición da nosa liga, o lugar escollido, tras duras negociacións con outras posíbeis sedes, será o do auditorio de Santa Margarida, seguramente xa coñecido por todos vós, ás 12:00 h do domingo 14 de novembro. E é que aínda que este sexa o I Aberto de Santa Margarida incluído no calendario da nosa liga, xa se realizaron outros tres abertos independentes (dous deles para celebrar o Día das Letras) con grande éxito.
Alí foi onde se realizou tamén un adestramento-aberto preparatorio o fin de semana pasado, e dispoñemos dalgún material dese mesmo día que aquí poñemos á vosa disposición.









Atención, porque novas incorporacións de todas as idades, todas elas xa con experiencia, estiveron este domingo afacéndose ao terreo e chegan coa intención de ser a revelación deste novo curso billardeiro.
Cremos por isto que era case unha cuestión de xustiza que este lugar fose o escollido para dar a saída desta nova temporada, mais que a xente de Labañou, así como do resto dos barrios koruñentos, non desespere, xa que a serpe multicolor da LNB irase desprazando por todos eles, ademais de estabelecer campamento noutros concellos do NorOeste galego que xa figuran na nosa axenda.
Aínda non subiches ao barco atlántico da LNB-NorOeste? Esperámoste este domingo ás 12h no parque coruñés de Santa Margarida!
Nestes días nos que os galegos todos celebramos os magostos e o San Martiño, palanadores do NorOeste, collede a billarda polo fuciño!


E-mail da Conferencia NorOeste:
lnbnoroeste@gmail.com

Teléfonos de contacto:
- 679908773 (David Fontán)
- 658847377 (Roi Moris)

3 comentários:

Anónimo disse...

A ver si podemos mandar unha representacion dos furabolos un saúdo e sorte.

lnb-noroeste disse...

Xenial! Esperámosvos cos brazos abertos!

chicharro lañado disse...

posibel presenza de Vitor Vilar , o cantautor e palanador da franquicia Amarante do Norleste atópase na Cruña disposto a sumarse á tripulación do barco do NorOeste amarrado santa margarida!!