sexta-feira, 24 de maio de 2013

Mercado de fichaxes

A falta de tan só 2 días para as finais nacionais de Marrozos os mercados están moi movidos, despois dos grandes titulares que crearon a fichaxe de Geni polos Billardeiros Musicais as dúas equipas clasificadas polo Noroeste buscaron conseguir unha machada parecida, os Cochikeiros finalmente rexeitaron todos os ofrecementos que tiveron, xa que consideraronn que xa teñen un equipo competitivo para esta final nacional, non así os míticos Filloas de Sangue, acostumados  a loitar pola liga ata case a última xornada, este ano quedaron sen opcións moi pronto, e tiveron que estar pendentes dos, non menos míticos, xarutos ata case o final da tempada para conseguir a clasificación para Marrozos 2013.
Moitos foron os rumores dende o final da Liga regular sobre os Filloas de Sangue, xa que a tempada regular non rematou ben para eles e de cara ao próximo ano está case que confirmada a baixa dunha das estrelas da equipa, David Fontán, polo menos na liga regular. Falábase de que estaban a tocar á estrela dos Xarutos, Serxio, pero que este dera un non rotundo reafirmándose na fidelidade aos Xarutos. Tamén soaron vellos coñecidos da equipa, coma Alberto ou Lamas, pero parece que estes seguen decididos a manter a súa retirada das pistas.
Finalmente, a sorpresa chega por onde menos se esperaba, un dos poucos nomes que ninguén imaxinaba... O escollido é Cristian Puente, un dos xogadores máis explosivos do circuito e que se enmarca na liña que segue o equipo desde os seus inicios, a de combinar experiencia e xuventude para acadar as máis altas cotas de éxito.
Sabedores de que Cristian non se sentía valorado na súa equipa, os Filloas decidiron apostar por el. Tras durisimas negociacións do de Sanxenxocon ambas equipas, as diferenzas entre este e a directiva de Gharaboto foron aumentando até facérense insalvables. Así, Cristian deu o paso definitivo para romper con Gharaboto e firmar polos Filloas de Sangue.
O contrato, que adxuntamos a continuación, é para a final por equipas de Marrozos 2013, con opción a unha tempada máis en caso de cumprir os obxectivos fixados. Fontes próximas ao palanador do Salnés sinalaron que o obxectivo principal que conlevaría a renovación automática do contrato é a clasificación dos Filloas de Sangue entre os catro primeiros postos nesta final nacional.





Saúde e Billarda!
Avante o Noroeste!

Sem comentários: